domingo, 16 de marzo de 2014

A pregunta filosófica: música

A pregunta filosófica: música



1
A filosofía predica un saber que navega na pregunta esencial, nun silencio que se lle antoxa como primixenio.

2
A música da filosofía é escoitar o interior, levantar algo caladamente. Por iso necesita da viaxe en primeira persoa ao deserto, a aventura espiritual a un mundo que xa non interesa.

3
O que ten de música a filosofía venlle dado pola lectura en silencio, porque as brechas e as realidades fisuradas da linguaxe sonlle máis propias que todo dicible.

4
A pregunta polo ser segue sendo a pregunta pola música, porque a linguaxe deambula silenciosa. O silencio adianta e atrasa a pregunta confundindo aos homes nunha linguaxe única.

5
A linguaxe única especialízase coa arte de pretender non ser nunca o silencio que a contén.

6
O nacemento das linguas especializadas nunca poderá esquecer o silencio que a rodea, a invocación musical da existencia.

7
A pregunta devén calada no rodeo das linguas especializadas, pero como pregunta que é: ocúltase e revélase nas mesmas.

8
A existencia da pregunta filosófica é unha existencia musical, non argumentada polas linguas especializadas concretamente.

9
Antes de nacer e despois de morrer a pregunta é a mesma.

10
A existencia temporal da pregunta revélase no seu ritmo musical. Que o silencio abarque a pregunta que percorre a existencia móstranos que existir é unha cuestión de ritmo sen melodía, música en directo.

11
Nin palabra, nin acto, nin cousa, nin acción.

12
Nin razón, nin sentidos, o fin da guerra terminolóxica.

13
O problema da linguaxe non é o problema real. O real non pode ser vivido filosoficamente. Para comezar, como para acabar, o silencio leva a pregunta esencial.

14
A derrota da significación é o renacer da nova pregunta filosófica.

15
A música non pode ser leida en claves filosóficas, non pode evitar silencios.

16
A curva dos acontecementos ten esa forma oblicua que non se chega a quedar de todo fixa nun estado ou dimensión concreta. O esvarar mesmo por esa curva é a pregunta filosófica.

17
Pensar a música consiste vivir ese esvaramento.

18
Preguntarse pola música como vida é máis pregunta filosófica que vivir filosoficamente. Vivir musicalmente non é vivir filosoficamente.

19
A música trascende as artes para abrirse como signatura asignificante. Non é ente, obxeto, cousa, dito ou palabra, acurrúcase máis no leito dun tempo que se vive xa agora mesmo, un sentido, un instante, un seguir sendo que non cesa.

20
A pregunta filosófica esqueceuse de pensar que o que se di, dise por música e non por algo. Dise por nada, pola bela orde natural dun dicir que (re)vela todas as cousas non dicibles. Os ditos foron obxeto de traballo da filosofía até fai moi pouco. Pois ben, agora pensamos en dicir-sempre e para iso só podemos falar de musicalidade, de facticidade, de sons que evocan algo que leva a existir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario